Amosando publicacións coa etiqueta Pasiño a pasiño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pasiño a pasiño. Amosar todas as publicacións

domingo, 20 de novembro de 2022

Proxecto dinosaurios

Levamos dúas semanas investigando sobre os dinosaurios na aula. A verdade é que este tema apaixóanos! 

Comezamos por elixir a materia a pescudar cunha votación, na que participou tamén o equipo verde. Gañaron os dinosaurios, aínda que os insectos tamén foron moi votados. 

Primeiro descubrimos que na nosa aula había algúns dinosaurios: no recunchiño dos animais atopamos un estegosaurio e un anquilosaurio.

Grazas á colaboración das familias chegaron á aula materiais relacionados co tema: xoguetes, crebacabezas, debuxos, contos, libros informativos...

Observamos que os dinosaurios poden ter dúas patas (bípedos) ou catro (cuadrúpedos). Os bípedos, coma o tiranosaurio ou o espinosaurio, podían correr e moverse con axilidade porque lles era preciso para cazar. Os cuadrúpedos, coma o anquilosaurio ou o diplodocus, podían ir máis lentos porque a súa fonte de alimentación, a herba, plantas ou follas, non fuxía! Observámolos e clasificámolos. 

Por outra banda, deseñei material manipulativo para desenvolver destrezas de lectura, escritura, lóxica e matemáticas. Está nos recunchos e todo o alumnado pode acceder a el. Tamén hai lugar para propostas máis artísticas. 

venres, 14 de outubro de 2022

Comezaron os obradoiros inter-clase!

Todos os venres durante dúas sesións xuntámosnos as nenas e nenos de todas as clases por idade. Así imos coñecendo un pouquiño máis ás que serán as nosas compañeiras e compañeiros en Primaria!

Temos en marcha un obradoiro de arte, outro de ciencia e experimentación e un de expresión dramática.

No obradoiro de expresión dramática contamos o conto dos Chibos Chibóns, participamos cos nosos pezuños facendo "patín, patín, patín", "patán, patán, patán" e "patón, patón, patón". Tamén puxemos caras terribles de ogro malvado! E para rematar, como estaba un día estupendo decidimos dar un paseo polo Carboeiro. Pasamos por unha ponte de pedra e vimos unha herba moi verde...sería que vivían aquí os Chibos Chibóns e mailo ogro?

Desfrutamos moito o paseo na compaña das nenas e nenos das outras clases. 

Nós lemos o conto na aula e gústanos moito pero na rede tamén se pode ver aquí:



martes, 11 de outubro de 2022

Avanzamos pasiño a pasiño

Que facemos ao longo da xornada?

Chegamos, colgamos a mochila e sacamos a axenda. Colgamos o abrigo e poñemos o mandilón. Logo facemos a rutina da encargada ou encargado. Traballamos un pouquiño e xogamos nos recunchos. Despois merendamos e saímos ao recreo. Volvemos, temos un momentiño de descanso e calma. Facemos outro traballo e xogamos. Por último recollemos e preparámosnos para marchar. Habitualmente lemos un conto para rematar a xornada. Gústanos moito o Abezoo.

Mentres eles merendan aproveito para revisar as axendas. Ás veces algún neno ou nena esquece sacala da mochila...e se non me dou conta, a min de revisarlla! 😌 

Aquí unha pequena mostra das actividades que fixemos estes últimos días...







luns, 26 de setembro de 2022

Benvido outono

O pasado 22 de setembro comezou unha das estacións máis fermosas do ano. Mentres non decidimos o proxecto a desenvolver este trimestre, realizamos propostas de outono como as que seguen.



martes, 13 de setembro de 2022

Comezamos a explorar os recunchos

 Hoxe comezamos a xogar nos recunchos. En parellas xogamos e traballamos. Sen dúbida, o máis solicitado é a mesa de experimentación! 

 Ao longo das semanas iremos rotando de tal xeito que todas e todos poidamos desfrutar dos diferentes recunchos. 

Seguide lendo para velos!

venres, 9 de setembro de 2022

Comezamos o curso 2022-2023!

Comeza o novo curso con moita ilusión. Esta é para min unha nova etapa na que agardo compartir con vós unha viaxe ateigada de momentos inesquecibles. 

Botamos a andar polo novo camiño?
Seguro que deixamos pegada! 

Imos aló!