domingo, 20 de novembro de 2022

Proxecto dinosaurios

Levamos dúas semanas investigando sobre os dinosaurios na aula. A verdade é que este tema apaixóanos! 

Comezamos por elixir a materia a pescudar cunha votación, na que participou tamén o equipo verde. Gañaron os dinosaurios, aínda que os insectos tamén foron moi votados. 

Primeiro descubrimos que na nosa aula había algúns dinosaurios: no recunchiño dos animais atopamos un estegosaurio e un anquilosaurio.

Grazas á colaboración das familias chegaron á aula materiais relacionados co tema: xoguetes, crebacabezas, debuxos, contos, libros informativos...

Observamos que os dinosaurios poden ter dúas patas (bípedos) ou catro (cuadrúpedos). Os bípedos, coma o tiranosaurio ou o espinosaurio, podían correr e moverse con axilidade porque lles era preciso para cazar. Os cuadrúpedos, coma o anquilosaurio ou o diplodocus, podían ir máis lentos porque a súa fonte de alimentación, a herba, plantas ou follas, non fuxía! Observámolos e clasificámolos. 

Por outra banda, deseñei material manipulativo para desenvolver destrezas de lectura, escritura, lóxica e matemáticas. Está nos recunchos e todo o alumnado pode acceder a el. Tamén hai lugar para propostas máis artísticas. 

Con todo, acabamos de comezar e aínda nos queda moito por pescudar!




Ningún comentario:

Publicar un comentario