domingo, 15 de xaneiro de 2023

Parabéns Nara!

Parabéns Nara! 

Hoxe é o aniversario da nosa amiga Nara, que fai 4 aniños. Nara é divertida, resolutiva e unha gran conversadora.

Nós adiantámosnos un chisco e xa celebramos o seu aniversario na aula. Preparamos unha coroa moi chula e despois Nara soprou as súas catro candeas.

Agardamos que pases un día xenial; moitos biquiños!


domingo, 20 de novembro de 2022

Proxecto dinosaurios

Levamos dúas semanas investigando sobre os dinosaurios na aula. A verdade é que este tema apaixóanos! 

Comezamos por elixir a materia a pescudar cunha votación, na que participou tamén o equipo verde. Gañaron os dinosaurios, aínda que os insectos tamén foron moi votados. 

Primeiro descubrimos que na nosa aula había algúns dinosaurios: no recunchiño dos animais atopamos un estegosaurio e un anquilosaurio.

Grazas á colaboración das familias chegaron á aula materiais relacionados co tema: xoguetes, crebacabezas, debuxos, contos, libros informativos...

Observamos que os dinosaurios poden ter dúas patas (bípedos) ou catro (cuadrúpedos). Os bípedos, coma o tiranosaurio ou o espinosaurio, podían correr e moverse con axilidade porque lles era preciso para cazar. Os cuadrúpedos, coma o anquilosaurio ou o diplodocus, podían ir máis lentos porque a súa fonte de alimentación, a herba, plantas ou follas, non fuxía! Observámolos e clasificámolos. 

Por outra banda, deseñei material manipulativo para desenvolver destrezas de lectura, escritura, lóxica e matemáticas. Está nos recunchos e todo o alumnado pode acceder a el. Tamén hai lugar para propostas máis artísticas. 

venres, 14 de outubro de 2022

Parabéns Mateo!

Hoxe celebramos na aula o aniversario de Mateo. Adiantámosnos un chisquiño xa que realmente Mateo fai catro anos este domingo. 

Mateo preparou a súa tarta con tantas candeas como anos fai. Logo cantámoslle "Parabéns para ti" e desexámoslle o mellor para os seus catro anos. 

Parabéns Mateo! 


Aquí podedes escoitar a canción que cantamos nos aniversarios:


Comezaron os obradoiros inter-clase!

Todos os venres durante dúas sesións xuntámosnos as nenas e nenos de todas as clases por idade. Así imos coñecendo un pouquiño máis ás que serán as nosas compañeiras e compañeiros en Primaria!

Temos en marcha un obradoiro de arte, outro de ciencia e experimentación e un de expresión dramática.

No obradoiro de expresión dramática contamos o conto dos Chibos Chibóns, participamos cos nosos pezuños facendo "patín, patín, patín", "patán, patán, patán" e "patón, patón, patón". Tamén puxemos caras terribles de ogro malvado! E para rematar, como estaba un día estupendo decidimos dar un paseo polo Carboeiro. Pasamos por unha ponte de pedra e vimos unha herba moi verde...sería que vivían aquí os Chibos Chibóns e mailo ogro?

Desfrutamos moito o paseo na compaña das nenas e nenos das outras clases. 

Nós lemos o conto na aula e gústanos moito pero na rede tamén se pode ver aquí: