martes, 11 de outubro de 2022

Avanzamos pasiño a pasiño

Que facemos ao longo da xornada?

Chegamos, colgamos a mochila e sacamos a axenda. Colgamos o abrigo e poñemos o mandilón. Logo facemos a rutina da encargada ou encargado. Traballamos un pouquiño e xogamos nos recunchos. Despois merendamos e saímos ao recreo. Volvemos, temos un momentiño de descanso e calma. Facemos outro traballo e xogamos. Por último recollemos e preparámosnos para marchar. Habitualmente lemos un conto para rematar a xornada. Gústanos moito o Abezoo.

Mentres eles merendan aproveito para revisar as axendas. Ás veces algún neno ou nena esquece sacala da mochila...e se non me dou conta, a min de revisarlla! 😌 

Aquí unha pequena mostra das actividades que fixemos estes últimos días...







Cambios na aula

Dende o comezo do curso foron numerosos os cambios na aula. Cada mestra e mestre temos o noso xeito particular de organizar o espazo e tamén de dispoñer todos os recursos para o alumnado. Despois de mover os mobles moitas veces, finalmente penso que atopei un espazo no que todas e todos nos sentimos ben. 

As nenas e nenos de tres anos comparten a mesma mesa porque como adoitan precisar máis axuda, podo facelo mellor se están agrupados. 

As nenas e nenos de catro e cinco anos están mesturados porque aínda que hai pequenas diferenzas nas súas capacidades, teñen maior autonomía. 

Pouquiño a pouco irei compartindo imaxes dos pequenos cambios. Dos estantes, dos recunchos...aínda que todo se vai adaptando ás nosas necesidades!

Vistes os paraugas que fixemos para protexernos da chuvia no outono? Quedaron ben fermosos!


sábado, 8 de outubro de 2022

Parabéns Xalo!

O pasado día 8 de outubro o noso amigo Xalo fixo 4 anos. Celebrámolo o venres e Xalo preparou a súa coroa e as candeas flotantes. Tamén botou na auga catro diamantes de cores, tantos coma anos fixo. 

Xalo é moi doce, amable e meticuloso. Estamos moi contentas e contentos por compartir tempo con el. 

Parabéns Xalo! 




luns, 26 de setembro de 2022

Benvido outono

O pasado 22 de setembro comezou unha das estacións máis fermosas do ano. Mentres non decidimos o proxecto a desenvolver este trimestre, realizamos propostas de outono como as que seguen.